O risco de crecemento do río Verdugo obriga a evacuar varios coches aparcados
Por Redacción
As intensas choivas rexistradas na xornada deste domingo derivaron en numerosas incidencias que necesitaron a intervención dos servizos de emerxencias e seguridade. Unha das que máis chamaron a atención ocorreu en Ponte Caldelas, onde foi necesario evacuar varios vehículos xunto ao paseo da Calzada para evitar danos ante o crecemento do caudal do río Verdugo.
En Pontevedra, os Bombeiros tiveron que actuar en dúas ocasións a última hora da mañá para retirar árbores que caeron e permanecían no medio de distintas estradas, coas conseguintes dificultades para a circulación de vehículos. Sobre as 12.40 acudiron a Castrodo, na parroquia de Cerponzóns, onde unha árbore estaba no medio da calzada e, ao caer, levou por diante parte do tendido eléctrico do alumeado público. Ás 12.33 horas retiraron outra que obstaculizaba a circulación no lugar de Freixo, en Campañó.
En Ponte Caldelas, a brigada municipal que se atopa de garda tivo que intervir ante o derrubamento dun muro de contención en Taboadelo, así como na retirada de varias ramas e árbores da estrada de Pé da Moa. Neste municipio, a primeira hora da mañá o alcalde, Andrés Díaz, puxo en marcha un dispositivo de emerxencia e prevención coa intención de atender as disintas continxencias derivadas do temporal.
No caso dos vehículos estaciados á beira do río Verdugo, dende o Concello puxéronse en contacto coa Garda Civil e intentaron localizar aos propietarios de varios coches estacionados nas inmediacións ante a posibilidade de que unha inminente crecida do río Verdugo provocara serios danos nos coches alí aparcados.