Continúan en 2016 as subvencións aos usuarios do autobús a Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez
O próximo ano 2016 o billete de autobús a Monte Porreiro seguirá contando con descontos para os usuarios máis habituais.
O Concello de Pontevedra aprobou na Xunta de Goberno deste luns a terceira prórroga do convenio asinado coa empresa Autocares Rías Baixas polo que o consistorio destinará uns 86.400 euros anuais para subvencionar o traxecto entre o barrio e o centro de Pontevedra, un desconto que se suma ao ofertado pola compañía.
Segundo informou a viceportavoz do goberno local, Anabel Gulías, o Concello de Pontevedra asumirá 0,50 euros do prezo de cada viaxe desde o traxecto número 12 que cada usuario realice mensualmente.
Iso supón que o prezo do billete, a 1,40 na súa tarifa ordinaria, pagaríase neste duodécimo traxecto a tan só 0,75 euros, un prezo que irá baixando proporcionalmente ata os 0,13 euros que custará ao chegar ás 80 viaxes ao mes.
Con esta medida o goberno municipal pretende abaratar o traxecto para os usuarios habituais desta liña de transporte usada especialmente por aquelas persoas que non teñen outra forma de comunicarse co centro da cidade.
Para poder gozar destes descontos é necesario adquirir o cartón transporte, que permite controlar dunha maneira máis fidedigna as viaxes que se realizan cada mes.