O autobús a Monte Porreiro, subvencionado un ano mais polo Concello
Por Alejandro Espiño
A liña de autobús a Monte Porreiro, a única eminentemente urbana que opera en Pontevedra, volverá contar un ano máis cunha subvención por parte do Concello que fará moito máis económico para os seus usuarios o traxecto entre o barrio e o centro da cidade.
A Xunta de Goberno acordou este luns unha nova prórroga, a cuarta, deste convenio coa empresa Autocares Rías Baixas, polo cal o Concello asumirá 0,50 euros do prezo de cada viaxe, desde o traxecto número 12 que cada usuario realice mensualmente.
Iso supón que o prezo do billete, a 1,40 euros na súa tarifa ordinaria, pagaríase neste duodécimo traxecto a tan só 0,75 euros, un prezo que irá baixando proporcionalmente ata os 0,13 euros que custará ao chegar ás 80 viaxes ao mes.
Ademais, estas viaxes quedan rexistrados nun cartón electrónico que pode ser utilizada, se é o caso, por todos os membros dunha mesma familia, polo que é relativamente fácil alcanzar as viaxes necesarias para acceder a estes descontos.
Para este concepto, o Concello reservará en 2017 unha partida de 86.949 euros. En todo caso, o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, asegurou que nunca se esgota o diñeiro que se destina a subvencionar estes billetes de autobús a Monte Porreiro.