Cuntis pide a transferencia do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, remitiu un escrito ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, para reclamarlle unha reunión con urxencia para tratar a situación do Centro de Saúde de Cuntis.
Desta forma, o alcalde atende ao aprobado polas catro forzas políticas no último pleno ante a preocupación manifestada por Veciñanza ao estar prevista a xubilación dun dos tres médicos que atende aos pacientes neste centro.
Manuel Campos quere expoñer ao delegado a necesidade de que se substitúan as baixas do persoal no caso de vacacións ou de enfermidade, algo que non sucede nos últimos dous anos. Tamén pedirá que se teña en conta a xubilación do facultativo nas vindeiras semanas para que sexa substituído.
Ao mesmo tempo, o alcalde reclamará que a Consellería de Sanidade dispense a través do servizo de Pediatría a receita da vacina da Meninxite B.
Por último, o rexedor de Cuntis solicitará que se transfira o Centro de Saúde á Consellería de Sanidade para que se faga cargo das instalacións e se responsabilíce do seu mantemento.