O centro de día de Cuntis terá un novo acceso por unha entrada provincial
Por Redacción
Fomento parece non autorizar que se habilite un acceso ao novo centro de día de Cuntis desde a N-640, polo que o Concello de Cuntis e a Deputación de Pontevedra traballarán conxuntamente para modificar o proxecto inicial e pasar a súa entrada principal a unha vía de titularidade provincial, a EP-8403 (Cuntis-Alto da Cruz).
Así o acordaron o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e o deputado de Mobilidade, Uxío Benitez, nunha xuntanza que tivo lugar este mércores na institución provincial.
Ante a necesidade da apertura do centro para dar servizo aos veciños e ao haber xa terreos a disposición para executar as obras, o deputado manifestou a súa disposición para que o departamento de Mobilidade propoña a solución que una o novo equipamento coa estrada provincial. Agora dependerá dos técnicos da Deputación.
Ademais, Benitez ofreceu a supervisión e coordinación dos técnicos da Deputación para a elaboración do proxecto de urbanización da travesía de titularidade provincial que vai entre o núcleo urbano de Cuntis, a rúa da Palma, e a ponte do río Patela, onde conecta co Parque de Maráns e o camiño a Castro Landín (EP-8402).
O alcalde indicou que o Concello pode asumir a redacción do proxecto, pero solicitou a supervisión do equipo provincial coa fin de cumprir co novo decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais aprobado polo novo goberno provincial.
A reforma deste viario pretende mellorar os tránsitos peonís na zona, na que hai un colexio e un cemiterio.
A reunión serviu tamén para falar da posibilidade de mellorar varias interseccións viarias, así como de urbanizacións doutras estradas provinciais ao seu paso por este municipio.
Relacionadas:
-
A rúa da Palma de Cuntis será acondicionada pola Deputación
Por Redacción |
-
O centro de día de Cuntis abrirá cando estean finalizados os servizos pendentes
Por Redacción |
-
Cuntis renovará o firme da rúa Castelao con cargo a fondos provinciais
Por Redacción |
-
Cuntis pide a transferencia do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade
Por Redacción |
-
Firme compromiso para poñer en marcha o centro de día de Cuntis
Por Redacción |