Malestar veciñal polo abandono dos xardíns e dos bancos na zona de Estribela
Por Diego Torrado
Veciños da contorna da avenida de Marín en Estribela, parroquia pontevedresa de Lourizán, mostraron o seu malestar polo estado de abandono en que se atopa o mobiliario urbano na zona e os xardíns situados nas proximidades á entrada do Porto de Marín.
Os bancos de madeira atópanse moi deteriorados sen que fosen revisados durante os últimos meses. Desta forma, presentan pezas de madeira fragmentadas ou desprendidas do soporte metálico que impiden a súa utilización polas persoas que pasean por esta contorna.
Ao mesmo tempo, os veciños lamentan o abandono dos xardíns ao non cortarse o céspede nin eliminar as malas herbas que brotan na zona.
Por este motivo, reclaman unha intervención do servizo encargado do mantemento de xardíns do Concello de Pontevedra.