"A carga de traballo das mulleres aumentou coa crise"
Por Redacción
Na súa participación no ciclo ‘Unha mirada de xénero’, a profesora da Universitat de Barcelona Cristina Carrasco alertou de como a actual situación económica trouxo como consecuencia "que la carga de traballo das mulleres aumentou".
Por unha banda, porque no marco dunha sociedade patriarcal, na que "todo o que non é traballo de mercado repercute nas mulleres", aumenta a carga de traballo nos fogares, e por outra, porque nun contexto de aumento do paro, "as mulleres saen ao mercado laboral para empregarse como coidadoras ou para realizar traballos de servizo do fogar, que permiten traer uns ingresos a casa".
Para esta investigadora a situación resulta "análoga ao que sucedeu na crise da débeda externa de América Latina nos anos 80".
"Na crise, prodúcese unha pobreza xeneralizada e isto asúmese máis polas mulleres", denunciou Carrasco, que incidiu tamén en que a globalización ten contribuído a que a actual crise económica e financeira adquira unha "maior magnitude" e polo tanto, contribúa a unhas "maiores desigualdades, tanto entre países como dentro de cada país", ao tempo que, na outra banda, estanse a dar uns procesos de "acumulación da riqueza en moi poucas mans que nunca existiran".
A NECESIDADE DUN CAMBIO DE VALORES
Carrasco incidiu na necesidade de "cambiar o paradigma", situando a vida humana como o obxectivo da economía.
"O planeta está nos límites, non podemos seguir mantendo o consumo que temos nos países máis industrializados, temos que reducir os consumos e a produción e reorganizar os tempos de traballo", defendeu esta economista, que apuntou que o desenvolvemento tecnolóxico non ten contribuído a que a xente teña unha menor carga laboral, xa que "as persoas que están no mercado traballan máis que antes, mentres que as outras non están".
Por iso, subliñou a necesidade de pensar "en como reorganizamos todo isto", tendo en conta ademais que trala economía de mercado existen "uns poderes fácticos moi importantes aos que todos estes cambios non lles interesan".
Carrasco incidiu en que máis aló de medidas concretas que contribúan, por exemplo, á conciliación, é preciso un "cambio de valores", para o que, ao seu xuízo, resultaría necesario partir dos "puntos de encontro" entre aquelas visións que operan cunhas "regras distintas ao mercado capitalista", como poderían ser a economía ecolóxica, a economía social ou solidaria ou a propia economía feminista.