Restablecen o subministro de auga en Cuntis tras máis de seis horas sen servizo
Por Redacción
Durante o domingo, os veciños de Cuntis tiveron problemas co abastecemento de auga potable. Unha avaría, detectada durante a madrugada, deixounos máis de seis horas sen servizo.
Segundo informa o goberno municipal, os cortes no servizo producíronse entre as seis da mañá e as doce e media da tarde no casco urbano. Nalgunhas zonas do rural, prolongouse un tempo máis mentres non se foi recuperando a capacidade do depósito principal.
A avaría produciuse na captación de auga no lugar de Sebil. Desde o primeiro momento, operarios da empresa concesionaria e do Concello puxéronse a traballar para restablecer o servizo, tanto no concello de Cuntis como no de Moraña.
Os máis afectados neste caso foron os usuarios do Concello de Cuntis que no casco urbano sufriron restricións no servizo ata a mañá deste luns, igual que nas zonas do rural da Anllada ou Vilar.
Nestes momentos, o servizo está plenamente restablecido en todas as zonas que puideron ter restricións dalgún tipo.