O goberno local analiza cos colectivos de Portonovo o futuro da Festa da Raia
Por Redacción
Os concelleiros de Cultura e de Turismo, Roberto Carlos Agís e Jesús Sueiro, mantiveron na tarde do luns unha reunión con representantes dos diferentes colectivos de Portonovo para analizar o formato e a data da Festa da Raia, tendo en conta que o goberno local considera necesario dar un xiro á orientación dun festexo que supón para as arcas municipais un desembolso duns 40.000 euros por edición.
Roberto Carlos Agís expuxo aos colectivos a importancia de que sexan as propias asociacións de Portonovo as que se impliquen na organización do festexo, conseguindo así unha maior participación e identificación dos veciños cunha festa que naceu coa intención de exaltar un dos produtos máis característicos da pesqueira local: a raia; pero que na actualidade non ten o arraigamento social necesario.
A maioría dos representantes sociais que acudiron á reunión coincidiron en indicar que unha excesiva politización do festexo, unido á industrialización da festa foron os factores que marcaron a súa decadencia. E é que cando a súa organización corría a cargo dos veciños, o seu voluntariado reducía custos e convertía o evento en moito máis sustentable.
Nesta primeira reunión de traballo, na que o obxectivo era escoitar a opinión dos diferentes colectivos de Portonovo, tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade dun cambio de data, buscando un momento no calendario que garantise unha maior afluencia de público pero sen entorpecer os de máximo auxe da tempada alta.
O concelleiro de Cultura, Roberto Carlos Agís, emprazou aos representantes dos trinta colectivos que acudiron á reunión de onte a manter un novo encontro nun prazo de dúas semanas para valorar de novo a implicación social coa festa, xa que a intención do Concello é deixar en mans dos veciños a súa organización.
Relacionadas:
-
A Festa da Raia de Sanxenxo, a última fin de semana de outubro
Por Redacción |
-
Can de San Roque quere organizar a Festa da Raia en setembro na lonxa de Portonovo
Por Redacción |
-
O PP considera "inaceptable" que un concelleiro "friki" decida suspender a Festa da Raia
Por Oskar Viéitez |
-
Un colectivo de Portonovo presentará un proxecto para organizar a Festa da Raia
Por Redacción |