As xeneracións Millenial e a GenX, mercado principal da D.O. Rías Baixas en USA
Por Anxo Lourido
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas presentaba este xoves 12 na súa sede na praza de Mugartegui os resultados do estudo sobre o posicionamento dos viños albariño no mercado nacional. Neles reflíctese que Galicia, Asturias, León e Madrid seguen sendo os principais puntos de venda da Denominación mantendo a súa cota de mercado cunha evolución positiva do mercado vitivinícola nacional.
Outras zonas da península como o sur ou a zona de Levante tamén mostran un incremento da presenza destes viños tanto en hostalería como no mercado da alimentación, segundo manifestou Ángel García, de Nielsen, a empresa encargada do estudo. García sinalou que o obxectivo se centra en manter o incremento de mercado cun prezo estable, ligado á imaxe que ofrece márcaa Rías Baixas.
Pola súa banda, Eva Mínguez apuntou que este estudo de mercado presentado aos adegueiros supón unha ferramenta de traballo para coñecer a pinza de prezos na que se moven e ademais apuntou que a axencia Gregory White levará a cabo a campaña de promoción en Estados Unidos, principal mercado internacional de Rías Baixas.
Os viños de Albariño están ben situados, sinalou, sobre todo na costa este pero o Consello Regulador entende que hai que conquistar novas zonas fronte ao seu principal competidor que son os viños brancos de Nova Zelandia. Case o 50% das exportacións de Rías Baixas van ao mercado norteamericano con 2 millóns e medio de litros que se dedican a este país.
En Estados Unidos, o obxectivo é instalarse entre a xeración Millenial e a GenX, persoas de entre 25 e 44 anos con estudos universitarios e pertencentes a unha clase social media alta.
Helen Gregory, da axencia Gregory White, tamén destacou a importancia de destinar recursos na campaña a este segmento da poboación abríndose a novos mercados como Texas e Florida. Para levar a cabo esta difusión centraranse no márketing dixital e nun programa de imaxe dirixido ao incremento de vendas.