A ONCE reactiva o seu convenio urbanístico co Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A ONCE reactiva o convenio urbanístico que asinou no seu día co Concello de Pontevedra. Polo menos, en parte. A organización presentou en dependencias municipais o proxecto de equidistribución para os terreos que ocupa actualmente o seu centro de recursos educativos no barrio de Campolongo.
A comisión de Urbanismo coñeceu este mércores os detalles dun proxecto que, antes da súa aprobación definitiva, terá que pasar o trámite de exposición pública.
O Concello recibirá, a cambio do 10% de aproveitamento que lle corresponde por lei, a parcela de 5.389 metros cadrados na que se sitúa o colexio Santiago Apóstolo que pasará a ser de titularidade municipal unha vez se aprobe este proxecto de equidistribución.
De feito, mentres o organismo non constrúa este novo equipamento manterá o dereito de uso do actual colexio, cedido en virtude deste convenio.
Ademais, a ONCE cederá tamén as zonas verdes e os viarios interiores de todo este ámbito.
A edil de Urbanismo, Carme da Silva, destacou que con este proxecto avánzase cara ao cumprimento duns compromisos que, ao final, permitirán permeabilizar o barrio de Campolongo coa avenida de Vigo.
Con este trámite dáse un paso adiante nun convenio cuxa primeira fase supuxo a permuta da residencia do complexo educativo, que actualmente ocupa o centro social sur posto en marcha polo Concello, por unha parcela na unidade de actuación 18 -delimitada polas rúas Eduardo Pondal, 12 de novembro e Joaquín Costa- destinada nun futuro para acoller o novo centro de recursos educativos da ONCE.
Relacionadas:
-
A ONCE renuncia a construír o novo Centro de Recursos educativos nos terreos de 12 de novembro
Por Redacción |
-
Portas abertas no Centro Sur
Por Redacción |
-
O local Centro Sur en Campolongo xa acolle as actividades das asociacións do sur da cidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O pavillón da ONCE xa pode usarse; a antiga residencia terá que esperar un pouco máis
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |