Os cemiterios pontevedreses amosarán o seu mellor aspecto o día de Todos os Santos
Por Redacción
Os cemiterios pontevedreses estarán a punto para o Día de Todos os Santos. Os operarios municipais xa comezaron cos traballos de limpeza e roza dos camposantos e as súas contornas.
Ademais, deste este martes aumentaranse o número de contedores coa fin de que a xente poida retirar as plantas e flores e o lixo da limpeza e coidado dos nichos e panteóns, tarefas habituais nas xornadas previas a este día, cando é tradición a renovación dos adornos florais en homenaxe e lembranza dos defuntos.
Haberá oito contedores máis no cemiterio municipal de San Amaro, onde durante todo o ano hai tres; dous máis nos camposantos tamén públicos de Campañó, Bora e Ponte Sampaio, onde o normal é un; e tres máis no de Lourizán, onde hai dous.
Estes reforzos loxísticos manteranse ata a noite do domingo 1 de novembro. Todos os contedores teñen 1.000 litros de capacidade.
A posta a punto completarase coa colocación nos cinco cemiterios municipais de 500 ciclamenes e crisantemos para darlles vistosidade.
Cespa tamén reforzará nestas xornadas dedicadas aos defuntos o servizo de recollida coa incorporación dun camión extra nas rutas de retirada do lixo que pasan polos cemiterios.
Pola súa parte, as brigadas que pasan polos camposantos parroquiais botaranlle unha ollada especial por se hai desbordamento dos contedores habituais. Se fora o caso levaríanse máis.