De Lugo a Pontevedra para analizar o modelo urbano
Por Alejandro Espiño
En Lugo abriuse recentemente un debate respecto do modelo de mobilidade cara ao que deben camiñar. E, neste sentido, colectivos políticos, sociais e veciñais dese municipio cren que poden aprender moito da experiencia de Pontevedra.
Unha representación de todos eles visitou este martes a cidade para coñecer o seu modelo urbano e analizar a posibilidade de poder aplicar as mesmas receitas.
Unha vintena de persoas formaban parte desta delegación lucense, entre eles concelleiros de BNG, Partido Popular e Ciudadanos, representantes de federacións de comerciantes, asociacións veciñais ou membros de colectivos como Masa Crítica que, do mesmo xeito que os seus homólogos de Pontevedra, apostan polo impulso da bicicleta como medio de transporte.
"Pontevedra é unha cidade da que podemos aprender moito porque o seu modelo está recoñecido internacionalmente e ten moita información e experiencias que poden sernos útiles", sinalou o concelleiro do BNG, Rubén Arroxo, que explicou que o seu maior interese son as solucións para os aparcadoiros, coas zonas disuasorias e os estacionamentos de servizo, agora que Lugo suspendeu o contrato coa empresa que xestiona a zona ORA.
Pola súa banda, o presidente da asociación de comerciantes Lugo Monumental, Luís Latorre, destacou que en Lugo, a pesar de ter experiencia na peonalización de diferentes zonas da cidade "hay que avanzar en ella". Asegura que poden "imitar" o modelo pontevedrés, "pero adaptándolo a la realidad de allí porque Lugo es una ciudad más lineal y menos concentrada" e espera que con esta visita aclaráranse as dúbidas de certos sectores.
Ademais da presentación do alcalde, tomaron parte na explicación do modelo pontevedrés o enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas; o director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle.
Completaron a xornada cunha visita ás principais zonas comerciais da cidade, acompañados por Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará.
Relacionadas:
-
Alcaldes e cargos públicos de 11 cidades coreanas visitan Pontevedra
Por Redacción |
-
A "cidade dos nenos" acolle a visita dos alumnos do IES Milladoiro
-
Pontevedra, unha cidade que segue camiñando na procura de premios
Por Redacción |
-
Fomento recolle a experiencia de Pontevedra nunha publicación do premio ONU-Habitat
Por Redacción |