Novo atraso no inicio da campaña de control de velocidade na zona 30
Por Redacción
Con case dúas semanas de atraso sobre o previsto inicialmente, a Policía Local de Pontevedra tiña previsto iniciar este sábado a campaña de control de velocidade nas vías urbanas, especialmente na zona 30 da cidade, pero tivo que pospoñela por segunda vez.
O motivo é que a Dirección Xeral de Tráfico non fixo entrega aínda do radar móbil, que nos últimos días estivo inutilizado por problemas técnicos do vehículo.
Pese a todo o novo atraso podería ser só cuestión de poucos días.
A campaña de control de velocidade centrarase zonas "sensibles" da cidade, segundo explicou no seu momento o intendente xefe, Daniel Macenlle.
Moitas desas zonas teñen habilitado o límite de 30 km/h.
Os controis realizaranse durante dez días de xeito aleatorio en lugares como a avenida de Compostela, os accesos a Monte Porreiro, as Corbaceiras, Rosalía de Castro ou a subida a Montecelo, zonas nas que se detectou unha "relaxación" no cumprimento da normativa de zona 30.
A intención da campaña é concienciar aos condutores sobre a necesidade de respectar os límites de velocidade no casco urbano para mellorar a convivencia con peóns, ciclistas e motoristas, ademais da súa seguridade.