Detido un condutor drogado tras unha persecución polas rúas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Unha intervención rutineira da Policía Local terminou este luns cunha persoa detida.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Pontevedra, os feitos sucederon sobre as 17:45 horas deste luns, cando unha patrulla de motoristas observou a un vehículo que circulaba pola cidade sen seguro nin ITV.
Cando os axentes procederon a darlle o alto, o condutor do turismo no canto de parar deuse á fuga iniciándose unha persecución a gran velocidade polas rúas de Pontevedra.
O condutor circulou de maneira temeraria invadindo o carril contrario e meténdose por direccións prohibidas en rúas como Eduardo Pondal, Avenida da Estación, Josefina Arruti, Avenida de Vigo, e outras rúas contiguas.
Os gardas detallaron que o fuxido puxo en serio risco aos peóns e aos pasaxeiros dun autobús.
Unha segunda patrulla que se sumou como reforzo á persecución conseguiu bloquear o paso ao coche. No seu interior viaxaban catro mozos.
O condutor, de 24 anos, foi detido imputándoselle un delito contra a seguridade viaria por condución temeraria. Ademais deu positivo no test de detección de drogas.