O temporal de primeiras horas do domingo provoca desprendementos e caídas de árbores en Pontevedra
Por Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O forte temporal que se rexistrou nas Rías Baixas durante a mañá deste domingo 4 de outubro provocou a caída de varias árbores no parque da urbanización de Campolongo, ademais de numerosos desprendementos de valos e de cartelería en diferentes puntos da cidade. A caída dunha árbore tamén afectou un turismo na subida de San Amaro a Montecelo.
Os bombeiros tiveron que desprazarse ata a rúa García Camba. Segundo informou a Policía Local, alí rexistrouse un desprendemento de cristais procedentes dun oitavo piso onde quedara unha xanela aberta.
Tamén resultou rechamante a rotura dun toldo dunha cafetería e o desprazamento e a caída dos colectores de reciclaxe situados na rúa Loureiro Crespo, próximos ao Hospital Provincial.
Durante esa hora e media, as intervencións tamén afectaron a unha carpa con perigo de soltarse en Ponte Sampaio, árbores caídas en Otero Pedrayo, Monte Porreiro, estrada de Ponte Caldelas, desprendemento de uralitas na Rúa Alemaña e valados de obra nas rúas Pedreira, Peregrina, Corbaceiras e Conde Bugallal, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra. Non se rexistraron danos persoais en ningunha destas incidencias.
Os servizos de emerxencia continúan en alerta aínda que xa remitiron as intensas rachas de vento.
As previsións de Meteogalicia indican que, a partir da última hora da tarde, o tempo volverá empeorar cun incremento das precipitacións con ventos fortes no litoral atlántico.