Emotiva visita a Ence dunha nena á que a empresa lle sufragou as operacións dunha man
Por Redacción
A nena Uxía López Cobo visitou acompañada pola súa nai as instalacións da fábrica de Ence en Lourizán durante as últimas horas para ter un primeiro contacto co equipo de dirección da empresa despois de que, nos últimos tres anos, a entidade apoiase economicamente dúas operacións en Barcelona que lle permitisen contar cunha man funcional.
Uxía naceu sen man esquerda por un problema conxénito, segundo informa o equipo de comunicación da factoría. A familia desta nena de Quiroga (Lugo) entrou en contacto coa empresa pasteira en Sabucedo (A Estrada) cando realizaba unha campaña de captación de recursos para sufragar o custo da primeira intervención á que se tiña que someter para poder contar cunha man artificial. A empresa proporcionou o diñeiro que facía falta, sumado ao que xa lograra a familia, para permitir esta operación.
En novembro de 2014, a nai da menor volveu poñerse en contacto coa empresa porque era necesario realizar unha segunda intervención cirúrxica, que levou a cabo en maio deste ano. Na actualidade a nena emprega a súa nova man a través do cerebro.
Esta visita supuxo un emotivo encontro entre a familia e a dirección da fábrica, co seu director Antonio Casal á fronte.