Susto de madrugada en Riestra polo incendio nun cadro eléctrico
Por Diego Torrado
Unha dotación de bombeiros do Parque de Pontevedra tivo que acudir ás 05.30 horas da madrugada deste sábado 3 ata o número 34 da rúa Riestra tras recibir unha alerta do servizo de Emerxencias ante a presenza de fume que saía do portal dese edificio de oficinas situado fronte ás Ruínas de San Domingos.
Por causas que se descoñecen iniciouse un incendio no cadro eléctrico do edificio pero, segundo informaron os Bombeiros de Pontevedra, cando chegaron os efectivos ata o edificio as lapas xa se extinguiron e só foi necesario ventilar o portal do inmoble.
Este edificio atópase situado á beira dun coñecido local de lecer da noite pontevedresa, pero a escasa repercusión do incendio evitou que afectase o establecemento e non foi necesario o desaloxo.