A Policía Nacional celebra o seu patrón e a futura rehabilitación interior da Comisaría
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Policía Nacional celebrou a súa festividade no auditorio de AFundación con motivo da conmemoración dos Anxos Custodios, un acto no que recibiron as medallas distintivas diferentes membros dos Forzas e Corpos de Seguridade por feitos meritorios realizados neste ano do mesmo xeito que levaron a cabo homenaxes a persoal civil pola súa colaboración.
O comisario provincial, Manuel Bouzas, que leva dous meses no cargo, destacou que este ano se está saldando ben en canto a seguridade cidadá e móstrase con moita ilusión para 2016 debido ao aumento de oferta pública para dotar de máis axentes á comisaría de Pontevedra e, sobre todo, pola posta en marcha dentro de dous meses de obras no interior da sede situada na rúa Joaquín Costa. Neste sentido, Bouzas sinalou que se vai a rehabilitar o edificio para que os policías traballen en mellores condicións e a súa intención é poñer en marcha proxectos de futuro cunha ampliación de espazo vital para os integrantes do corpo en Pontevedra e, engadiu, "iso non pasa por outra cousa que non sexa unha comisaría nova".
O subdelegado do Goberno, Antonio Coello, mostrouse tamén satisfeito polos datos que ofrece o ministerio de Interior sobre seguridade na provincia apuntando que no primeiro semestre baixaron un 0,7% respecto de 2014 e nun 6,9% os roubos con forza, un dos principais obxectivos que se marcou cando tomou o cargo fai catro anos.
O acto non contou coa presenza dos representantes sindicais do Sindicato Unificado de Policía nin da Unión Federal de Policía, que decidiron ausentarse debido a que consideran inxusto que se outorguen medallas co distintivo vermello a altos mandos policiais en lugar da axentes da rúa, que son os que conforman o maior número de membros da Policía e os que poñen en risco a súa vida. A esta ausencia, o subdelegado indicou que lle gustaría que acudisen ao acto e que as medallas responden as propostas realizadas polos xefes de cada comisaría e son aprobadas pola Dirección Xeral do ministerio.
Entre os once homenaxeados este ano atópase o axente e piragüísta Óscar Graña que en colaboración con Alba, unha nova pontevedresa tamén galardoada, puxeron en risco a súa vida ao lanzarse ao río Lérez para salvar a unha persoa que se estaba afogando. Tamén recibiu unha distinción Luís Casas como representante dos policías xubilados.
O acto, ao que asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Audiencia, Javier Menéndez entre outras autoridades, concluíu cunha ofrenda floral dedicada aos policías falecidos como sucedeu coa axente Vanessa Lage, residente en Pontevedra, durante un atraco en Vigo.
Relacionadas:
-
A pandemia e a ciberdelincuencia centran a volta á (case) normalidade da Policía Nacional no seu patrón
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Reclaman que as oficinas de emisión do DNI se trasladen xa ao antigo edificio do Banco de España
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Manuel Bouzas, comisario da Policía Nacional: "Pontevedra é unha cidade de delitos caseiros"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Óscar Graña, policía, piragüista e artífice dun rescate no Lérez: "No, héroe no, esto lo hace mucha gente"
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez |