O goberno local declárase "antitaurino" pero seguirá pagando por usar a Praza de Touros
Por Oskar Viéitez
O portavoz do goberno municipal do BNG, Raimundo González, nega que exista calquera tipo de incoherencia ou contradición cando afirma que o Concello de Pontevedra é "antitaurino" aínda que seguirá pagando á empresa dos irmáns Lozano por usar a Praza de Touros.
Sucedeu na rolda de prensa deste luns cando os xornalistas buscaron unha reacción local ante a recente decisión do pleno da Deputación de declarar á provincia "libre de festexos taurinos" e poñer fin ás axudas económicas para a celebración da feira da Peregrina.
Raimundo González apoia esta decisión aínda que insiste en que nada cambiará na cidade do Lérez en canto ao contrato que manteñen o Concello e os empresarios taurinos polo aluguer do coso para a Feira Franca e outros actos. Un acordo que continuaría "aínda que non houbese festexos taurinos".
Este convenio elévase ata os 47.500 euros anuais, pero Raimundo González insiste "non é para financiar os touros, senón para alugar a praza para outros usos como a Feira Franca, a Cabalgata de Reis ou as concentracións equinas; non hai outro espazo na cidade para eses usos; e un recinto móbil sería moito máis caro".
"No caso de que non haxa festexos taurinos, o Concello seguiría alugando a praza para esas actividades concretas aínda que non houbese festexos taurinos, porque a praza continuaría onde está e o Concello ten unhas necesidades que cumpre ese recinto e non outros", conclúe o portavoz do goberno municipal.
Relacionadas:
-
O goberno local ampárase no Consello da Feira Franca para xustificar o convenio coa Praza de Touros
Por Redacción |
-
Propoñen un "referendo municipal" sobre o convenio da praza de touros
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación de Pontevedra declara á provincia, territorio libre de touradas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |