Envorca un camión de Avigal na rotonda da N-550 en Briallos
Por Redacción & Diego Torrado
O tramo da N-550 entre Pontevedra e Caldas de Reis, ao seu paso por Briallos (Portas), volveu sufrir un novo accidente de tráfico esta madrugada.
Un camión da empresa Avigal, que circulaba en dirección Santiago de Compostela, envorcou á saída da rotonda de Briallos, perdendo parte da súa carga ao caer a un maizal situado nunha as leiras lindeiras co viario.
Segundo indicaron fontes dos servizos de emerxencias, o condutor do tráiler saíu ileso do sinistro e apenas se produciron danos máis aló dos que provocou o golpe no vehículo.
Ao lugar do accidente desprazáronse unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e efectivos de Protección Civil de Portas.
Ademais, un guindastre de grandes dimensións achegouse tamén ao lugar para tratar de endereitar o camión.