Todos perderon plumas, no Pleno máis longo do ano
Por Oskar Viéitez
Eran as 17:42 horas da tarde do martes cando se levantaban dos seus asentos os concelleiros da Corporación de Pontevedra despois dunha sesión plenaria que arrincara ás 10 da mañá.
Ademais do asunto Ence, o ocorrido no Teatro Principal xa foi contado días atrás, pois os políticos locais cinguíronse ao guión anunciado sen deixar marxe para a sorpresa.
Triunfaron varias "pinzas" da oposición, que coa maioría absoluta que suman os edís do Partido Popular, Partido Socialista, Marea e Ciudadanos conseguiron derrotar ao goberno local en minoría do BNG en cuestións como a reactivación do Plan Xeral, ou o proxecto de seguridade viaria na contorna de Montecelo que inclúe a instalación de "lombos" nos accesos ao hospital.
O goberno local tamén escoitou os reproches da oposición polos informes técnicos que alertan sobre os numerosos reparos económicos que levanta o alcalde.
Aínda que tamén houbo espazo para o entendemento que fraguou diversas unanimidades para aprobar conxuntamente mocións sobre a violencia de xénero, impulsar un bonotaxi para persoas con discapacidade ou retirar o tráfico pesado da estrada vella de Marín.
PP e PSOE non apoiaron unha proposta do BNG sobre medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética.
E con respecto a Sogama habilitouse unha primeira partida de 2,4 millóns de euros para abonar un prazo inicial da débeda.
Como balance final: nesta "pelexa de galos" non houbo nin vencedores nin vencidos, máis ben "todos perderon plumas".
Relacionadas:
-
O Concello de Pontevedra retransmitirá pola internet os plenos
Por Oskar Viéitez |
-
Familiares de vítimas de atropelos farán pedagoxía social sobre a necesidade do uso dos lombos
Por Redacción |
-
Remata sen incidencias a intervención dos traballadores de Ence no pleno municipal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |