Deteñen tres pontevedreses tras unha vaga de roubos en bares de Lalín, A Estrada, Pontecesures e Valga
Por Redacción
Dous roubos en senllos bares de Valga, cometidos na madrugada do xoves, permitiron á Garda Civil deter tres veciños da cidade de Pontevedra como presuntos autores dunha vintena de roubos con forza cometidos en establecementos hostaleiros de diversas localidades do norte da provincia.
Segundo informa a propia Garda Civil, os tres homes xa eran obxecto de seguimento policial, e foron detidos pouco despois de perpetrar estes dous últimos roubos.
No momento da detención, interviñéronselles diversas ferramentas utilizadas para forzar portas e ventás, así como 200 euros en efectivo, que acaban de subtraer nun dos establecementos.
As investigacións da Garda Civil permitiron relacionarnos cunha vintena de roubos cometidos nos últimos tres meses, en bares e restaurantes de Lalín, A Estrada, Pontecesures e Valga, onde subtraían as recadacións das máquinas recreativas e rexistradoras.
Os detidos foron trasladados a dependencias xudiciais, onde se comprobou que teñen antecedentes por delitos similares. Un deles foi detido hai uns meses en relación co roubo dunha gasolineira en Lalín, mentres que os outros dous tamén foron detidos por roubos en distintos bares deste municipio.
O xulgado de instrución de Caldas de Reis, tras a súa declaración, decretou a posta en liberdade provisional con cargos dos tres detidos.