Queda sen traballo polo traspaso da depuradora de Ponte Caldelas
Por Redacción
Un empregado que levaba 27 anos traballando na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ponte Caldelas queda agora sen traballo. A explotación e xestión das instalacións acaba de traspasarse dende o Concello á Xunta de Galicia e, polo tanto, cambiou a empresa que se encarga das tarefas de mantemento. A nova firma non está obrigada a subrogar ao traballador e este queda na rúa.
A situación saíu á luz este martes unha vez que o alcalde, Andrés Díaz, asinou o convenio definitivo que certifica o traspaso, o que supón un aforro substancial para as arcas municipais. O mantemento das depuradoras do municipio superan os 200.000 euros anuais, dos cales só a EDAR de Ponte Caldelas, que dá servizo á zona urbana, Caldelas e Pazos, rolda os 140.000 euros.
Momentos antes da sinatura do convenio, o alcalde atendeu o requerimento do único traballador de Viaqua, que xa ten certa idade, pero do que non trascenderon máis datos. A nova empresa que asume o mantemento, Extraco, trasladoulle ao operario que non se consideraba obrigada a subrogalo á súa plantilla xa que no viña especificado no prego de condicións do contrato.
O alcalde asegurou que descoñecía a situación porque o convenio fora pactado entre a Xunta de Galicia e o ex alcalde, Perfecto Rodríguez, pero anunciou que tomará cartas no asunto e enviará un escrito á Xunta informándolle da situación de desamparo na que queda o traballador co fin de que se habiliten fórmulas de protección. Avoga por que impere o sentido común e se lle sexan recoñecidos os dereitos a este traballador.
Segundo informou o Concello de Ponte Caldelas, na sinatura do convenio tamén estiveron presentes dous representantes sindicais da CIG que anunciaron que emprenderán accións xudiciais para defender os intereses do traballador.