O BNG presenta emendas aos orzamentos e insiste en que o goberno de Rajoy evite adoptar decisións sobre Ence
Por Redacción
O BNG presentará emendas ao proxecto de presupostos xerais para 2016 do goberno de Rajoy dentro do ámbito comarcal centrándose na creación e mellora de diversas infraestruturas e coa mensaxe de que os populares eviten tomar decisións sobre a concesión de Ence na ría de Pontevedra.
A deputada nacionalista, Olaia Fernández, acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceron en rolda de prensa un resumo das emendas que se van impulsar dende o BNG, que ascenden a uns investimentos superiores a 1.980 millóns de euros. Olaia Fernández indicou que as súas iniciativas van dirixidas ao fomento da actividade produtiva e de creación de emprego, ademais do gasto social.
Fernandez Lores explicou que dende a bisbarra de Pontevedra se solicita a continuidade da tramitación de A-57 que conecte A Ermida con Barro para, segundo sinalou, crear unha alternativa á autoestrada. Presentarán tamén unha emenda para a seguridade vial da N-541 entre Santa Margarida e Ponte Bora, ademais da mellora do Nó de Bombeiros cun proxecto que considere unha alternativa peonil coa intención de que se execute en 2016. Tamén piden unha partida presupostaria que recolla o vial para ciclistas e peonil na avenida de Marín, tal e como solicita o Partido Popular, indicou Fernández Lores. O BNG propón ademais a creación da senda verde no tramo de ferrocarril entre Pontevedra e Soutomaior.
Tanto ou alcalde de Pontevedra como Olaia Fernández se referiron ao futuro de Ence na ría de Pontevedra engadindo que se presentou a iniciativa no Congreso a través dunha pregunta parlamentaria na que reclama ao goberno coñecer que decisións ten previsto para os próximos meses en relación coa factoría e tamén presentaron unha proposición non de lei para que se paralice calquera acordo coa Xunta que vaia encamiñada á prolongación da permanencia de Ence.
A deputada mostrou as súas dúbidas sobre o anuncio de Mariano Rajoy de que o AVE chegará a Galicia en 2018. Sinalou que as últimas partidas destinadas a este proxecto non se executaron na súa totalidade e que as obras levan paralizadas un ano en Ourense. Por este motivo, o BNG non presenta emendas neste sentido.