Rajoy abre este domingo en Soutomaior un curso político marcado polas eleccións de decembro
Por Redacción
Un ano máis, o castelo de Soutomaior será o escenario no que o Partido Popular dará inicio ao curso político. Coas eleccións xerais -previstas para decembro- en mente, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, volverá rodearse dos compañeiros do seu partido en Galicia no seu último día de vacacións que, de novo, gozou en Pontevedra e na comarca do Salnés.
Será o inicio dunha intensa semana para Rajoy que, o luns, se trasladará a Alemaña para reunirse coa chanceler Angela Merkel, e o mércores con tres presidentes autonómicos na Moncloa. Na axenda do presidente para os próximos días figura tamén un encontro con primeiro ministro británico, David Cameron.
O acto político en Soutomaior comezará ás once da mañá coas intervencións do alcalde do municipio, Agustín Reguera; o presidente do PP de Pontevedra, Rafael Louzán; e o xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo.
Tras eles, tomará a palabra o propio Rajoy que tratará de animar aos populares a traballar de cara a esta importante cita coas urnas.