Investirán 60.000 euros na reforma e modernización da praza de abastos de Cuntis
Por Redacción
Unha axuda da Consellería de Economía e Industria, que supera os 60.000 euros, permitirá ao Concello de Cuntis acometer a remodelación e modernización da praza de abastos da vila, unha infraestrutura clave, segundo ambas as dúas administracións, para dinamizar o comercio de proximidade no municipio.
Tras visitar as instalacións, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que estivo acompañada entre outros polo alcalde, Manuel Campos, explicou que entre as actuacións previstas atópase a creación de tres novos postos abertos ao exterior, a instalación de sinalización comercial ou a instalación de consignas para os clientes, así como diferentes melloras na imaxe exterior e interior ou na xestión de residuos.
Estas melloras forman parte dun programa específico da Xunta, cofinanciado con fondos Feder da Unión Europea.
Os concellos que, como Cuntis, realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.
Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.