Entran a roubar por terceira vez en vinte días nun bar da rúa San Antoniño
Por Redacción
O bar Nós, situado na rúa San Antoniño, converteuse no último obxectivo dos ladróns. Tres roubos en apenas vinte días sufriron os seus propietarios. Nos dous primeiros, os 'cacos' lograron o seu obxectivo, pero á terceira foi a vencida. Axentes da comisaría pontevedresa conseguiron deter o ladrón, como se di popularmente, coas mans na masa.
O detido, un mozo de 23 anos e con antecedentes policiais, foi sorprendido na madrugada do pasado 22 de agosto. Os axentes encontrábanse patrullando pola cidade e foron avisados dende a comisaría para que se desprazasen ata a zona, despois de que varios veciños alertasen de que se estaban a oír golpes no interior do local.
Ao chegar ao establecemento encontráronse con este individuo na porta de acceso ao bar. Este, ao detectar a presenza policial, fuxiu do lugar á carreira tras botar ao chan varios obxectos que resultaron ser un desaparafusador e un par de luvas.
Os axentes déronlle alcance e tras comprobar como a porta de acceso ao establecemento hostaleiro tiña o bombillo do fecho arrancado e o cristal da porta fracturado, detivérono por un delito de roubo con forza. Posteriormente foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.
Polo momento, a Policía só o vincula a este último roubo. Non obstante, as investigacións continúan para saber se este mozo foi tamén o autor dos outros dous roubos que se produciron no local.
Segundo explicaron a PontevedraViva dende o propio establecemento, no primeiro destes roubos os ladróns terían entrado pola porta principal do local e tras esnaquizar a máquina comecartos leváronse a recadación. Días máis tarde se repetiu o golpe, aínda que nesta ocasión entraron pola porta traseira tras retirar o bombín da porta. Foron a pola comecartos e a máquina de tabaco, aínda que o botín se limitou a botellas de alcohol.