Rafael Louzán continuará formando parte da Corporación provincial da Deputación
Por Oskar Viéitez
Cando se cumpre un mes dende a celebración do pleno constitutivo, os voceiros do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Nidia Arévalo e Ángel Moldes ofreceron este luns unha rolda de prensa para explicar os seus obxectivos na oposición "sen esquecer que somos o grupo maioritario da Corporación".
Nesta tarefa os populares seguirán contando co anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán, que continuará formando parte da Corporación. "De momento o presidente forma parte do equipo de traballo do grupo provincial, esa é a realidade", dixo Nidia Arévalo.
O líder provincial do PP, Rafael Louzán, avanzara o pasado mes de maio que non sería deputado na administración provincial neste mandato se cristalizaba o pacto entre BNG e PSOE despois de que o Partido Popular perdese o 24-M a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra por primeira vez, ao baixar de 17 a 12 deputados, por 10 do PSOE, catro do BNG e un de Marea.
"Nos plans está formar parte dun grupo de 12 persoas onde nos repartimos o traballo por igual", anunciou este luns a nova voceira do PP.
Segundo desvelou Nidia Arévalo, os seus compañeiros do grupo da oposición pedíronlle a Louzán que continuase, entre outras razóns, para aproveitar a súa grande experiencia na administración provincial, "se lo solicitamos porque nos parecía importante despois da traxectoria destes últimos anos", dixo a voceira.
Por este motivo no PP aseguran que "estamos encantados de que tomase a decisión de quedar connosco".
OPOSICIÓN CONSTRUTIVA
"Queremos facer un traballo, persistente e construtivo", adiantou Nidia Arévalo sinalando como centro das súas iniciativas os municipios de menos de 20.000 habitantes, polo que cualificaron como un "bo xesto" que a primeira reunión do novo goberno convocase aos "pequenos concellos", aínda que recordaron que este tipo de encontros "antes xa eran habituais, polo que agora non son ningunha novidade,".
Neste sentido, os populares consideran a Deputación un "instrumento útil" para os concellos, "polo que" anunciaron a súa "vontade de chegar a acordos" co goberno provincial.
Tamén anunciou que os deputados do PP, "imos estar vixiantes e expectantes para que o grupo de goberno non perda o tempo en disputas internas", apuntou a voceira popular. Segundo o PP "claramente" na Deputación "hai dous equipos de goberno e dous presidentes".
Fronte ás queixas do goberno presidido por Carmela Silva que denunciou que no último mes do seu mandato Rafael Louzán deixou sen recursos os diferentes plans que tiña en marcha o executivo provincial, os populares quixeron dicir "alto e claro" que o anterior goberno "deixou unha Deputación solvente" e que ofrecía "prestacións e servizos e que investía sen diferenzas nin discriminacións de cores políticas e sempre coa austeridade por diante e o rigor no gasto" e citou como "aval" os informes de Intervención e Tesouraría.
'ENGORDAMENTO' DO GASTO
Os voceiros populares reprocharon ao goberno de Carmela Silva o "engordamento grande de xente" fronte ao seu compromiso de "adelgazar a institución". Polo que Nidia Arévalo acusou á presidenta de "facer demagoxia" e apuntou que "ese anuncio de Carmela Silva de abrir portas e ventás só vai ser para que a xente poida caber mellor porque non hai espazo para tanto persoal como se leva recolocado".
Na súa estratexia como oposición tratarán de ter un contacto regular cos medios de comunicación, estarán a disposición do público na súa oficina na Deputación e visitarán os distintos municipios periodicamente.