A chuvia non pode cunha numerosa procesión de San Roque
Por Diego Torrado
Centos de devotos acudiron a última hora do domingo á tradicional procesión na honra de San Roque.
Tras a misa solemne na Basílica de Santa María, a imaxe do santo abandonou o templo para percorrer a ombros o traxecto ata a capela de San Roque, pasando a Avenida de Santa María, Ferreiros, Alfonso XIII e Paseo de Colón antes de recollerse.
Nin a chuvia que apareceu no medio do traxecto desluciu a procesión, último acto litúrxico da semana de festas na cidade.
Co que si puideron os chuvascos foi co concerto de Corais de Salcedo na Praza da Ferrería, que se tivo que suspender cando só se interpretaran dúas cancións.