A ocupación hoteleira en Poio durante a segunda quincena de xullo superou o 75%
Por Redacción
A ocupación hoteleira durante a segunda quincena de xullo alcanzou o 76%, once puntos máis que durante o mesmo período de 2014. As expectativas para estes primeiros quince días de agosto son positivas debido ao número de reservas coas que contan os establecementos de aloxamento cun 78,5% de ocupación, segundo os datos ofrecidos pola concellaría de Turismo do Concello de Poio.
Os hostaleiros prefiren non facer previsións, xa que afirman que a tendencia habitual é a de esperar ao último minuto para facer as reservas segundo as condicións meteorolóxicas.
Por outra parte, na segunda quincena de xullo os visitantes rexistrados nas oficinas de turismo municipais foron 2.396 persoas, un 60% máis que o ano pasado. Desta cifra, un 90% corresponden a visitantes nacionais e un 10% a visitantes internacionais.
A maioría proceden de Madrid (22%), Castela-León (13%) e Galicia (9%). En canto aos internacionais, o maior número de visitantes chega de Francia, Arxentina, Bélxica e Holanda. A información máis solicitada segue sendo a relacionada co Conxunto histórico de Combarro e co ámbito das Rías Baixas.
1.481 VISITANTES EN MARÍN
Tamén en Marín se rexistrou un incremento da asistencia de turistas en xullo. Entre os días 1 e 31 do mes pasado, un total de 1.481 persoas achegáronse á oficina de turismo de Marín, dato que supón que se dobrou o número de persoas con respecto ao ano anterior.
O perfil dos visitantes aportado aos responsables da oficina fan concluir que a grande maioría dos turistas chegados en xullo foron galegos, se ben máis de 500 eran doutras comunidades autónomas e case 100 estranxeiros. Entre os foráneos os países máis habituais foron Portugal, Francia, Reino Unido, Bélgica e Arxentina.