Entra en funcionamento a nova planta de gas do Grove
Por Redacción
Este luns quedou inaugurada a nova planta de gas natural do Grove, que facilitará o acceso ao gas aos máis de 11.000 habitantes do municipio, beneficiando ao mesmo tempo ao tecido empresarial da comarca.
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo director de Zona Norte de Gas Natural, Roberto Cámara, e polo alcalde do municipio, José Antonio Cacabelos, explicou que o gas natural achega beneficios en tres ámbitos clave: desde o punto de vista económico, xa que mellora a competitividade das empresas; desde o punto de vista enerxético, porque contribúe a elevar o grao de eficiencia; e desde o punto de vista ambiental, ao ser unha enerxía respectuosa co contorno natural.
No mes de agosto máis de 1.000 vivendas e empresas do Grove terán acceso ao gas, cifra que se irá incrementando na medida en que aumente a rede de distribución.
Neste sentido, a construción da nova planta, que sumou un investimento conxunto de 300.000 euros, explicou o director xeral, e é o primeiro paso do proxecto de gasificación do Grove, que inclúe nos próximos anos a construción dunha rede de distribución de máis de oito quilómetros que permitirá achegar o gas á maioría dos fogares, industrias e comercios da localidade.