Lourizán celebra a Festa dos vellos
Por Diego Torrado
A Comunidade de Montes de Lourizán e a comisión de festas renderon homenaxe este domingo "aos seus vellos" cunha romaxe popular no Campo do Regueiriño.
Segundo explicou Iván Pérez, representante dos comuneiros, trátase da segunda edición dunha festa que foi recuperada de entre as tradicións da parroquia coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Asociación de Veciños Estriceres.
A xornada dominical empezou cunha andaina polos montes veciñais de Lourizán, seguida dunha sesión vermú, amenizada pola orquestra Nueva Era, e unha comida popular. Na sobremesa, un campionato de tute e despois baile.
Dúas das persoas de maior idade da parroquia foron homenaxeadas e dous veciños foron premiados pola súa implicación nas actividades da parroquia.