Mozos de Italia, Francia, China ou Taiwan traballan na recuperación do xacemento da Cruz do Castro
Por Redacción
Cotobade acolle dende o pasado día 27 de xullo e ata o 5 de agosto un campo de traballo de carácter internacional no que participan como voluntarios 18 mozos de entre 18 e 30 anos que proceden de Francia (3), Taiwan (2), China (2), Italia, e as comunidades valenciana (2), de Castela e León (2), Madrid (2), Castela A Mancha, A Rioxa e Galicia (2).
Este campo de traballo internacional conta cunha temática medioambiental e arqueolóxica. Os voluntarios fan labores de limpeza forestal, dirixidos por un equipo de biólogos, que tamén coordinan a elaboración dun documento único de análise da realidade. Este documento será a base dunha futura actuación sobre o terreo, que recupere e poña en valor o xacemento da Cruz do Castro.
Como complemento, lévase a cabo un itinerario formativo para o emprendemento dos voluntarios en materia de medio ambiente e sobre o traballo que alí se realiza con base nas charlas e obradoiros formativos. Os voluntarios tamén participan en actividades complementarias como obradoiros de liderado, coaching e traballo en equipo, sendeirismo, xeolocalización, veladas, obradoiros, visitas culturais a lugares de interese ou tiro con arco.