Bronca no Pleno de Ponte Caldelas por culpa da París de Noia
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O enfrontamento entre o voceiro do Partido Popular, Perfecto Rodríguez, e o líder de AVP, Alfonso Gutiérrez, marcou o final dun Pleno Ordinario de carácter organizativo celebrado pola Corporación Municipal de Ponte Caldelas no Salón de Plenos, a partir das 20 horas, o que favoreceu a asistencia de público.
O Pleno aprobou a proposta do equipo de goberno crear unha Comisión de Urbanismo, aberta á oposición, e na que os concelleiros non terán retribución por asistencia. O alcalde Andrés Díaz sinalou que esta decisión vai ligada á da rebaixa voluntaria do seu salario, en 8.000 euros, e á "necesidade de que unha xestión máis transparente non lle custe máis aos veciños e veciñas de Ponte Caldelas".
Tras aprobar, cos votos a favor dos tres grupos que conforman o equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e a abstención do PPdeG, temas organizativos como o nomeamento da concelleira socialista, Pilar Couto Seoane, como representante do Concello no Consello Escolar da Galiña Azul ou a proposta de modificación das Bases de Execución do Orzamento 2015 ou a dación de conta, feita pola interventora, da rectificación da liquidación de 2014 por un erro contable do goberno anterior, a polémica xurdiu no último punto referido a mocións, rogos e preguntas.
Neste apartado, o rexedor cedeulle a palabra ao voceiro do PPdeG quen rogou ao alcalde que nas súas intervencións públicas nas xuntanzas que está a levar con comerciantes e hostaleiros "non diga que o Concello está en bancarrota e que recibiu en herdanza un Concello endebedado cando sabe que non é así" e mostrou datos que avalaban a "situación de solvencia económica do Concello que ten unha débeda viva do 35% dos recursos ordinarios do Concello cando o Ministerio de Facenda permite chegar ao 75% sen ningún problema"
"O Concello ten unha débeda de nada máis e nada menos que un millón de euros", dixo o alcalde
O alcalde, Andrés Díaz, respondeulle que "si de algo non pode presumir Perfecto Rodríguez é de boa xestión económica, pois cando chegamos ao goberno, hai escasos 45 días, nos atopamos con que o Concello ten unha débeda de nada máis e nada menos que un millón de euros e con case tódalas partidas do orzamento municipal comprometidas, sen esquecernos dunha factura de 15.000 euros de París de Noia contratada in extremis e como alcalde en funcións para condicionar o orzamento e a capacidade de xestión do novo equipo de goberno".
Chegado este punto o voceiro de AVP, Alfonso Gutiérrez, quen solicitou ao rexedor a necesidade de traer a Pleno unha regulamentación das intervencións no capítulo de rogos e preguntas por considerar que a oposición abusaba do tempo.
O clima de enfrontamento foi medrando o que levou ao alcalde Andrés Díaz a amoestar ao voceiro do PPdeG e recriminarlle que "non tivera asumido a súa derrota e a cura de humildade que lle inflixiu a cidadanía cos seus votos".
Pola súa banda, Perfecto Rodríguez contestou que "en mis 13 años de alcalde jamás se me ocurrió llamar al orden a ningún concejal de la oposición a pesar de escuchar en muchas ocasiones auténticas barbaridades contra mi, y nunca les limité el tiempo de intervención. Este nuevo gobierno ya en el primer pleno no sabe encajar críticas y querían cortarme la palabra cuando solo llevábamos 30 minutos debatiendo en el turno de ruegos y preguntas."