Desartellan un grupo organizado que levaba anos introducindo cocaína a través do porto de Marín
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Dous anos de investigacións deron os seus froitos. A Garda Civil dá por desarticulada unha organización criminal que levaba introducindo varios anos grandes cantidades de cocaína procedente de Sudamérica a través de colectores que chegaban ao porto de Marín. A operación, bautizada Alimoche, supuxo a detención de dez persoas nas provincias de Pontevedra, Ourense e Madrid e prevese que haxa novos arrestos nos próximos días.
Catro dos detidos pasaron este xoves a disposición xudicial e o resto quedaron en liberdade en sede xudicial. En relación cos que compareceron, fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informaron de que o Xulgado de Instrución número 8 de Vigo decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para os catro, imputados por un delito contra a saúde pública e outro de pertenza a organización criminal. Dous deles están considerados os responsables da rede e outros dous tan só integrantes desta.
Ademais das dez detencións, practicáronse catro rexistros domiciliarios, intervíndose diñeiro en metálico, numerosa documentación e material informático, así como outros efectos relacionados co tráfico de drogas como 100 gramos de cocaína, substancias de corte da droga ou balanzas de precisión.
A organización criminal tiña implicacións en todo o territorio nacional e dous puntos fortes que lle permitían facelo sen chamar a atención dos Corpos e Forzas de Seguridade. En primeiro lugar, contaban cun tecido empresarial en Sudamérica e España e altos coñecementos en comercio internacional, en especial un empresario ourensán que actuaba como coordinador da organización. En segundo lugar, contaba cunha importante capacidade operativa baseada en altos coñecementos en praxe policial e na perfecta coordinación e repartición de funcións dos membros para as diferentes transaccións de estupefacientes.
Os investigadores encontráronse con grandes dificultades á hora de vixiar os membros do grupo finalmente desarticulado debido aos citados coñecementos en praxe policial para a investigación deste tipo de delitos e utilizaban diferentes e sofisticados medios de comunicación, en sistemática e continua renovación.
A Garda Civil detivo dez persoas en Pontevedra, Ourense e Madrid e prevese que haxa novos arrestos nos próximos días
A Garda Civil destaca a heteroxeneidade das persoas finalmente detidas, na súa maioría novos e sen antecedentes penais e que desenvolvían diferentes actividades laborais non vinculadas socialmente ao narcotráfico. Ademais, non tiñan relación aparente entre elas, sendo os seus perfís tan variados como un bombeiro ou varios empresarios.
A operativa e estrutura da organización foi descuberta na súa gran parte en marzo de 2014, cando a práctica totalidade dos seus membros se desprazaron a Marín nun importante número de vehículos e estableceron puntos fixos de vixilancia e móbiles de contravixilancia mentres algúns dos membros accedían á terminal de colectores do porto.
Os que accederon ao porto eran persoas vinculada laboralmente coa dársena que buscaron e localizaron un colector que chegara do Porto de Callao (Perú) con froita enlatada no seu interior, violentaron os precintos e abriron este, para recuperar 60 quilogramos de cocaína (valorados nuns dous millóns de euros), sacalos do porto e distribuílos en diferentes puntos do territorio nacional. Non obstante, non acharon a droga porque fora intervida polas autoridades peruanas antes de partir o colector rumbo a España. En xullo do ano 2015 os investigadores descubriron que tres dos agora detidos viaxaron a Colombia para pechar o acordo, pero o tráfico de cocaína dende ese país se frustrou ao intervir as Forzas de Seguridade.
Este grupo organizado tamén tamén tiña establecidos puntos de distribución de substancias estupefacientes en Ourense e Madrid e en xullo de 2014 detectouse que organizaron unha viaxe dende Madrid a Francia para traer droga por vía terrestre. Naquel caso, logrouse dar o alto a un dos vehículos usados no narcotransporte e localizouse nun dobre fondo (ou 'caleta') un paquete de medio quilo de cocaína.
A investigación estivo dirixida polo Xulgado de Instrución número 8 de Vigo e coordinada polo fiscal Antidroga de Pontevedra Luis Uriarte. Foi desenvolvida polo Equipo Contra o Crime Organizado de Galicia (ECO Galicia), pertencente á Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, que contou en diferentes fases da investigación co apoio de diferentes unidades do corpo, destacando o EDOA (Equipo Delincuencia Organizada e Antidroga) da Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Pontevedra e demais unidades da Comandancia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A operación Pórtico permite intervir no porto de Marín 70 quilos de cocaína colombiana
Por Natalia Puga |
-
Dous arousanos e un colombiano condenados a seis anos e medio de prisión por introducir coca polo Porto de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
O líder da rede que meteu droga en Marín en plátanos é un dos narcos máis importantes de España
Por Natalia Puga |
-
Nove detidos en Marín e Andalucía polo alixo de cocaína localizado no porto
Por Natalia Puga | Creada e actualizada