O líder da rede que meteu droga en Marín en plátanos é un dos narcos máis importantes de España
Por Natalia Puga
A organización de narcotraficantes desartellada nos últimos días en relación co alixo de 54 quilos de cocaína localizado nun palé de platános no porto de Marín tiña como suposto líder a un individuo ao que a Garda Civil considera "un dos narcotraficantes máis importantes do noso país".
O Instituto Armado fixo públicos este mércores detalles da operación, bautizada como 'Jaula' e desenvolvida nas provincias de Pontevedra, Granada e Córdoba. Con este operativo policial dan por desartellada unha importante organización de narcotráfico dedicada a introducir grandes partidas de cocaína en España e que foi desenmascarada a raíz dun alixo que intentaba introducir cocaína a través de porto de Marín oculta nun cargamento de plátanos procedente de Colombia.
O operativo liderado polo Equipo Contra o Crime Organizado (ECO) da Unidade Central Operativa da Garda Civil con sede en Pontevedra pechou cun balance de nove detidos (catro españois, un ruso, un colombiano, un arxentino, un peruano e unha arxentina) e é resultado dunha investigación que comezou tras a análise de documentación intervida en diversas operacións levadas a cabo no último ano contra outras organizacións criminais dedicadas ao tráfico de drogas.
Froito desta análise, sóubose que unha persoa identificada como Christian E., residente nunha urbanización de luxo da localidade de Dilar (Granada), podería dirixir unha rede que estaría a preparar a introdución dunha importante partida de cocaína en España, a través do porto de Marín. Sometido a unha permanente e discreta vixilancia, os axentes foron identificando á totalidade dos membros da organización, cada un deles con funcións diferenciadas, entre as que estaba a de chofer e gardacostas de Christian ou encargado do traslado da cocaína dende Marín a outros puntos de España.
Durante a descarga de palés dun barco que xa estaba a ser investigado, cans detectores de drogas da Garda Civil marcaron un que trasladaba caixas con plátanos. Tras ser inspeccionado, achouse entre a froita 54 quilos de cocaína de gran pureza, iniciándose a partir deste momento as detencións de todos os membros da organización.
O suposto líder utilizaba unha identidade falsa e levaba fuxido dende 2006
Os axentes realizaron catro rexistros en Cangas, Vigo, Dilar (Granada) e Montilla (Córdoba) e detiveron en Marín seis persoas que se achaban no lugar para facerse cargo da cocaína e outras tres en Dilar. Na localidade andaluza arrestaron unha muller procedente de México que resultou ser a compañeira sentimental do xefe da organización e a dous individuos naturais de Colombia e Perú que serían membros do cártel que enviara a España a cocaína. Desprazáranse dende Sudamérica para supervisar a chegada do estupefaciente ao noso país.
A Garda Civil detivo ao que consideraban o xefe da organización e descubriron que non se chamaba Christian E., senón que era unha identidade falsa. O seu nome real é Antonio Manuel B.I., un narcotraficante que estaba a ser buscado pola Xustiza dende o ano 2006 para o cumprimento dunha condena de 17 anos de prisión. O home xa fora detido en 2001 tras unha operación policial realizada en Colombia na que se interviñeron máis de 1.000 quilos de cocaína e seis millóns de euros.
Segundo informou a Garda Civil, era tal a súa obsesión pola súa seguridade e a das súas operacións que utilizaba documentación falsa, sistemas tecnolóxicos para evitar que as súas comunicacións fosen interceptadas e gardacostas. Con frecuencia cambiaba a súa aparencia física (cor de pelo, barba, bigote, lentes, indumentaria...) e mesmo aos alixos lles colocaba sistemas de localización para coñecer en todo momento a súa situación.
Relacionadas:
-
A Fiscalía pide 74 anos de cárcere para seis narcos por introducir droga a través do porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
Desartellan un grupo organizado que levaba anos introducindo cocaína a través do porto de Marín
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A operación Pórtico permite intervir no porto de Marín 70 quilos de cocaína colombiana
Por Natalia Puga |
-
Ingresan en prisión seis dos nove detidos polo alixo de cocaína do Porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
Nove detidos en Marín e Andalucía polo alixo de cocaína localizado no porto
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Seis detidos nun operativo antidroga no porto de Marín
Por Natalia Puga |