Denuncian unha condutora de Monbus que ía lendo mentres conducía entre Pontevedra e Sanxenxo
Por Redacción
Unha usuaria do transporte público denunciou este luns a unha condutora da empresa Monbús por ir lendo mentres conducía.
A denuncia, da que tivo coñecemento PontevedraViva, foi presentada ante a Xunta Arbitral de Transportes na Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. Esta oficina carece de potestade sancionadora polo que á súa vez dende esta instancia informaron á denunciante que daban traslado da denuncia á Xefatura provincial de Tráfico achegando os videos que acompañan a esta información.
Segundo informaron os afectados durante esta polémica viaxe, varias menores que ían no autobús dirixíronse á condutora para recriminarlle a súa actitude dicíndolle "por Dios coja el volante que nos vamos a matar", ao que a condutora respondeu de malos modos.
Lonxe de prestar toda a súa atención á estrada, como se observa nos videos, a condutora persistiu na súa actitude collendo un bolígrafo e facendo anotacións, sen importarlle que os pasaxeiros a gravasen cos seus teléfonos móbiles.
Isto sucedeu no autobús que cobre a viaxe entre Pontevedra e Sanxenxo ás 22:00 horas do sábado 25 de xullo.