Piden á Subdelegación un reforzo policial durante a fin de semana
Por Redacción
O Goberno local de Sanxenxo solicitou á Subdelegación do Goberno un reforzo policial durante esta fin de semana que complemente a presenza nas rúas da Policía Local co obxectivo de poder garantir a seguridade no municipio.
O alcalde, Gonzalo Pita, solicitou ao subdelegado do Goberno que autorice o reforzo do posto da Garda Civil en Sanxenxo de forma provisional durante, polo menos, as tres próximas fins de semana nos que se espera unha masiva afluencia de persoas dispostas a gozar dos atractivos que ofrecen os establecementos de ocio nocturno no termo municipal.
A presenza de patrullas da Garda Civil avalará o traballo de control sobre os efectos do "movida" nocturna que xa vén realizando a Policía Local, que durante a fin de semana ten na rúa a tres patrullas.
Unha delas centra o seu traballo na zona do porto deportivo Juan Carlos I, onde se concentra a maior parte da "movida" nocturna e, polo tanto, a que precisa un maior dispositivo de vixilancia. O consumo de alcohol na rúa, así como os efectos derivados deste hábito como os altercados e os estragos, son algúns dos aspectos aos que prestan maior atención os axentes, que confían en poder verse reforzados coa presenza dunha patrulla da Garda Civil.
Cabe recordar que Nauta contratou seguridade privada para reforzar a vixilancia no Porto Juan Carlos I, como unha medida necesaria para garantir a compatibilidade dun ocio de calidade coa actividade portuaria e preservar a imaxe de calidade que corresponde a unhas instalacións que contan con Bandeira Azul e Q de Calidade.
O ámbito sobre o que se centran os vixilantes inclúe ao aparcadoiro apoiando así o labor dos traballadores e auxiliares para impedir que se rexistren ruídos, desembarcos de bebidas alcohólicas, condutas indecorosas, entre outras.
A Policía Local conta cunha patrulla encargada da vixilancia na zona de Portonovo e unha terceira centrada na seguridade vial, responsable da atención en caso de accidentes, que serve ademais de reforzo ás outras dúas.