PXOM por partida dobre no Pleno municipal
Por Alejandro Espiño
Non unha, senón dúas mocións relativas ao PXOM presentáronse no Pleno que a corporación municipal celebrou este luns no Teatro Principal. E aínda que o fondo pode chegar a ser o mesmo, desbloquear a redacción deste plan de ordenación urbanística, as formas foron completamente diferentes. Tanto que unha delas, a presentada por Marea, aliñou a toda a oposición contra o BNG e a proposta destes só a apoiaron os seus propios concelleiros.
Luis Rei recordou que todos os partidos, salvo o BNG, levaban nos seus respectivos programas electorais reactivar a redacción do PXOM. Por iso, unha subcomisión que estará presidida por Marea, encargarase a partir de agora de supervisar estes traballos. A primeira acción será poñerse en contacto co equipo redactor do PXOM, Consultora Galega, para aproveitar o investimento e os traballos realizados ata agora.
Segundo sinalou no Pleno, Marea ve necesario que este futuro plan asegure, entre outras cuestións, unha construción ordenada de chan residencial, unha integración axeitada das parroquias no entramado urbano, unha recuperación integral da ría, a protección do monte da Fracha e unha rede de transporte público.
Tamén o PSdeG-PSOE, no goberno municipal ata hai dous meses, se posicionou a favor desta iniciativa. Lamentan que tras 16 anos de Lores como alcalde, o PXOM "siga sendo o mesmo", recordou Agustín Fernández. Os socialistas afirmaron que "non hai un deseño de cidade a longo prazo" e que actualmente se actúa "a golpe de ocorrencia".
A pesar iso, Fernández sinalou que "non vemos boa vontade" na Xunta para colaborar con Pontevedra neste asunto, polo que entende que é necesario "acosar" o goberno galego para que "non poñan escusas pola súa parte" e resolver todo aquilo que freou o PXOM que o Concello remitiu á Xunta en xuño de 2009, especialmente o relativo a ENCE, a edificabilidade no rural ou o hospital de Monte Carrasco.
Pola súa banda, Jacobo Moreira sinalou que o PP está disposto a apoiar calquera paso "por curto que sexa" para avanzar na tramitación do PXOM. Entende que o traballo "está feito" e que só habería que revisalo para adaptalo ás novas normativas. Neste sentido, apuntou que "se nos apresuramos" e se aproba de forma inicial nun prazo curto de tempo, non estaría afectado pola Lei do Solo que ultima a Xunta.
O BNG DEFENDE O PLAN APROBADO POR UNANIMIDADE
Pero o BNG defendeu en todo momento a existencia dun PXOM, aprobado por unanimidade de toda a corporación, que foi rexeitado no seu día pola Xunta cun informe "absolutamente demoleador", alegando unha serie de criterios técnicos. Por iso, Carme da Silva propuxo que todos os partidos elaborasen propostas para ver como se pode axustar este plan a esas esixencias do goberno autonómico e salvar os seus reparos.
En todo caso, a responsable de Urbanismo lamentou que "o que hai no fondo" é a oposición frontal ao modelo urbano de Pontevedra. "Están intentando ata a saciedade que non sexamos o referente de calidade urbana que somos a nivel nacional e internacional", afirmou Da Silva, que estaba referendado nese PXOM descartado pola Xunta, un documento que instou a recuperar e que a oposición abandone o seu "postureo" actual.
Esta proposta aprobouse co voto de calidade do alcalde, ao producirse un empate a doce. Os edís nacionalistas votaron a favor e a abstención de María Rey propiciou esta igualada, ao rexeitar esta formulación Partido Popular, PSdeG-PSOE e Marea.
Relacionadas:
-
Carme da Silva sobre a oposición e o PXOM: "Non se entende a non ser que sexa por postureo ou por cobrar un pouco máis"
Por Natalia Puga |
-
O PP chama a toda a oposición a un novo intento de "falar en serio do PXOM"
Por Redacción |
-
Agustín Fernández critica á concelleira de Urbanismo e mantén que buscarán fórmulas para retomar o PXOM
Por Redacción |
-
O secretario do Pleno tomba as propostas da oposición para retomar o PXOM
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O BNG reta á oposición a atopar unha alternativa "máis económica" ao uso da praza de touros
Por Alejandro Espiño |
-
Nin consulta popular sobre a continuidade de ENCE, nin paralización da A-57
Por Alejandro Espiño |
-
Completan os trámites esixidos pola Xunta para ceder os terreos dos novos xulgados
Por Alejandro Espiño |
-
O PXOM une a toda a oposición en contra do BNG
Por Redacción |