Os xardíns de Marescot recuperan o seu esplendor
Por Redacción
Os xardíns do Doutor Marescot, situados no ámbito da Alameda, a facultade de Belas Artes e o ambulatorio Virxe Peregrina, recuperaron parte do seu esplendor como un dos xardíns históricos máis recoñecidos de Pontevedra e están a punto de recuperalo todo. Será no momento en que rematen os traballos de arranxo e acondicionamento da zona verde que comezou o Concello de Pontevedra e que este mércores visitou o concelleiro de Xardíns, Luis Bará.
Bará indicou que os traballos, que teñen un orzamento de 30.000 euros, complementan a actuación realizada en meses pasados pola concellaría de Urbanismo para mellorar o ámbito e a accesibilidade e teñen a vocación de recuperar unha zona na que non se realizaba unha actuación integral dende hai oito anos. Unha vez rematado o proxecto, nos próximos días, farase todo o esforzo necesario "para atendela e que se conserve".
A actuación inclúe unha mellora global do céspede, coa que se intentou solucionar o estado de deterioración que sufría a zona axardinada a raíz do uso inadecuado de cidadáns que pasaban sobre a herba en lugar de polas zonas habilitadas para o paseo peonil. Para evitar que sigan dándose esas situacións, plantáronse novas árbores na zona máis próxima ao centro de saúde e tamén unha sebe perimetral "para orientar aos peóns e que non pisen outras zonas".
Ademais, realizouse unha mellora das empedradas, o rego automático e a iluminación e plantáronse árbores das que ocupaban estes xardíns historicamente, tales como magnolias, camelias e rododendros, todos eles con flores "acordes coa tipoloxía de árbores que tiña este xardín orixinariamente" e buscando manter "un xardín un pouco indiano, exótico", manter, no fondo, a súa identidade.
Bará indicou que a actuación xa encara os seus traballos finais e está pendente de que se decida que árbore de gran tamaño se plantará na zona situada ante o ambulatorio, onde no ano 2013 foi necesario cortar un cedro centenario por risco de derrubamento.
Segundo explicou o concelleiro de Xardíns, toda esta actuación enmárcase na mellora dos espazos céntricos da cidade que está a impulsar o Concello, na que se fará un "grande esforzo" para recuperar as zonas verdes e axardinadas e mantelas nas mellores condicións para o uso e desfrute dos pontevedreses e o deleite dos visitantes.