Por un verán de ensoño e non de pesadelo
Por Redacción
A Policía Nacional activou o Plan Turismo Seguro, creado co obxectivo principal de converter o sistema turístico nun sector máis competitivo.
Dentro deste plan inclúese o reforzo da seguridade durante a época estival. Por iso celebráronse varias reunións co fin de coordinar os servizos durante esta época do ano no que o número de visitas se multiplica.
Co fin de poñer a punto a Operación Verán 2015 o delegado de Participación Cidadá reuniuse con Mariña Santiago, responsable da Oficina de Turismo da Xunta; Rebeca González, da Oficina de Turismo do Concello e Ruth González, da Oficina de Turismo da Deputación de Pontevedra.
Entregáronse máis de 300 folletos para facerllos chegar aos turistas. Conteñen consellos de seguridade en 10 idiomas para abranguer o maior número de nacionalidades, así como tarxetas co número gratuíto de emerxencias do CNP, o 091.
Nas distintas reunións tamén se explicou aos traballadores das oficinas a posibilidade de que os turistas poidan interpoñer as denuncias de furtos, roubos con forza e danos, a través de Internet ou por teléfono co fin de axilizar os trámites e poder ser atendidos no seu idioma nativo. Deste modo só terán que acudir a Comisaría para asinar as dilixencias, evitándose así o tempo de espera.