O saneamento pendente en Mourente, en obras antes de final de ano
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha das demandas máis reiteradas dos veciños de Mourente está en vías de solución. O Concello de Pontevedra presentou este xoves o proxecto para completar o saneamento na "práctica totalidade" da parroquia, segundo avanzou o concelleiro Raimundo González. Servirá para dar servizo aos lugares do Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados, este último xa na parroquia de Bora.
Con esta actuación "salvo algunhas casas soltas", quedaría completado o saneamento de Mourente. O edil responsable do ciclo da auga explicou que as canalizacións se instalarán a ambos os dous lados da estrada N-541, dende a cal se irán abrindo ramais para que as tubaxes vaian chegando a poboacións dispersas. En total, serán 5.000 metros lineais de canalizacións e 852 metros para a rede de pluviais, "cos correspondentes pozos e sumidoiros".
O presuposto desta obra alcanza os 987.982,53 euros e será financiado polo Concello de Pontevedra, independentemente de que de forma posterior se poida incluír no terceiro convenio de saneamento que está pendente de firma pola Xunta de Galicia e que debe ascender os 14 millóns de euros en total. Así llo trasladará Miguel Anxo Fernández Lores ao propio Núñez Feijóo na entrevista que teñen pendente.
Raimundo González sinalou que, unha vez se realicen todos os trámites administrativos e se poidan licitan estes traballos, o prazo de execución será de nove meses. Adiantou que as obras poderán iniciarse antes de que finalice este ano e se completarán ao longo de 2016.
Cada vivenda terá que pagar obrigatoriamente uns 400 euros por vivenda, o prezo do enganche a este novo servizo de saneamento
A intención é non esperar ás obras que prevé realizar Fomento na N-541 como se formulaba inicialmente, xa que ao parecer o ministerio ten problemas co trazado nalgúns puntos "e isto non se pode eternizar", segundo o concelleiro do BNG. Aínda así, aclarou que "intentaremos coordinarnos con eles" para que as molestias sexan as menos posibles para os veciños.
En todo caso, antes de todos estes trámites o proxecto será presentado aos veciños afectados, unhas 140 vivendas, para que coñezan os detalles e poidan realizar as correspondentes alegacións ou suxestións.
Neste sentido, Raimundo González recordou que cada un destes veciños que pasarán a dispoñer da rede de saneamento terá que pagar uns 400 euros por vivenda, que o prezo do enganche a este novo servizo, algo que é obrigatorio para todas elas unha vez entre en funcionamento. "Sería impropio que gastásemos cartos públicos para ofrecer un servizo que non vai a usar ninguén", advertiu.
OS VECIÑOS, SATISFEITOS
Horas despois de anunciarse este proxecto, os veciños de Mourente afectados pola falta de saneamento celebraron a decisión do goberno municipal. Nun comunicado remitido aos medios, un dos seus voceiros, Juan Cajiao, afirmou que están "gratamente sorprendidos" por este anuncio. Se ben gardan certa prudencia ata coñecer os detalles, cre que "debemos dar o parabén ao equipo municipal que nos goberna e que coa súa actitude demostra un bo talante, xustiza e equidade".
En todo caso, Juan Cajiao recórdalles que o saneamento da zona "debe de ser totalmente integral", posto que parte das vivendas carecen de auga das traídas veciñais, utilizando soamente a auga dos pozos artesáns e que "na súa maioría están contaminadas". Ademais, pídenlle ao resto de administracións -Xunta de Galicia e Ministerio de Fomento- que colaboren co concello na consecución dos servizos que a cidadanía demanda".
Relacionadas:
-
Mourente completará o seu saneamento antes de que acabe o ano
Por Alejandro Espiño |
-
Amplíase o saneamento en Mourente e Bora cun investimento que supera a cifra de 1.270.000 euros
Por Redacción |
-
Lores reivindica en Lérez que Pontevedra ten a máis completa rede de saneamento das cidades galegas
Por Redacción |
-
O saneamento en Mourente e Bora, pendente das obras de Fomento na N-541
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños de Mourente e Bora lamentan a "actitude indolente" dos políticos ante os seus problemas
Por Oskar Viéitez |