Sanxenxo busca desesperadamente aspirantes a cubrir sete prazas de socorristas
Por Redacción
Contra o reloxo. Así están a traballar en Sanxenxo para cubrir as prazas vacantes que aínda quedan no servizo de socorristas para garantir a vixilancia nas praias para este verán. Tras tres procesos selectivos, 45 profesionais incorporáronse a estes traballos, pero aínda resta a contratación de sete máis, que o Goberno local vai intentar solucionar a través dunha oferta pública de emprego do INEM.
Dende o Concello de Sanxenxo recoñecen que lles está a resultar especialmente difícil cubrir as 52 prazas de socorristas convocadas a principios do verán e necesarias para atender tanto as praias con Bandeira Azul como as que non contan con este distintivo.
Os motivos polos que se produce esta situación débense, segundo o goberno local, á conxelación salarial aplicada a este colectivo de traballadores dende hai tres anos. Con esta conxelación, os soldos sitúanse como os máis baixos do ámbito e cobran ata 150 euros menos do salario que reciben no Grove ou en Vilagarcía, e case 300 menos do que reciben en Poio ou en Marín. Esta desigualdade salarial provoca que os profesionais non acudisen masivamente ás convocatorias de emprego do Concello de Sanxenxo.
Ademais do salario, Sanxenxo encóntrase en desvantaxe debido á duración do contrato que se reduce a dous meses para a maioría dos socorristas, salvo para 18 que dispoñen dun contrato de dous meses e medio, fronte ao trimestre que se ofrece noutros municipios.
Ante esta situación, a concelleira de Personal, Vanessa Rodríguez, busca unha solución para as próximas campañas estivais a través da Consellería de Traballo coa intención de asinar un convenio que permita ao Concello impartir un curso de formación de salvamento acuático en espazos naturais.
Relacionadas:
-
Sanxenxo renuncia a izar as bandeiras azuis de Bascuas, Pragueira e Lapa
Por Redacción |
-
Seis socorristas vixían ata o 15 de setembro as dúas praias de Poio con bandeira azul
Por Redacción |
-
Queixas na praia de Bascuas pola falta de vixilantes despois de que os bañistas salvasen un rapaz de morrer afogado
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo selecciona os seus 'Mitch Buchannon'
Por Diego Espiño |