Os interesados xa poden anotarse á Ruta dos Abades
Por Redacción
Para o vindeiro sábado, 11 de xullo, está programada unha nova andaina no concello de Bueu. Será polo primeiro tramo dos Abades. Os camiñantes sairán ás 9.30 horas da igrexa de Santa María de Cela e durante tres ou catro horas percorrerán 6 quilómetros cunha dificultade baixa.
Esta nova xeira de rutas interpretativas por diversos espazos naturais e patrimoniais do municipio de Bueu comezou o pasado sábado 4 de xullo e prolongarase ata finais de setembro.
Así, todos os sábados á mañá haberá rutas por Cabo Udra, por Ermelo, o Sendeiro Litoral, a antiga ruta das Leiteiras, a ruta dos Abades, dos Muíños, entre outras, que se combinarán coas rutas urbanas do luns á noite, coas que se pretende dar unha imaxe dos contidos patrimoniais, arqueolóxicos e históricos dunha vila con máis de 2.000 anos de historia.
Paralelamente tamén os mércores pola tarde, haberá diversas visitas guiadas ao exterior e interior do Museo Massó, un dos máis importantes centros de exposición do mundo conserveiro.
Na primeira ruta, a dos Pazos, sobrepasaron os números fixados pola organización, que cifra nun máximo de 25 persoas por grupo. Con todo e malia as chuvias iniciais do sábado, a ruta polos diversos pazos e casas nobres e históricas do municipio de Bueu resultou de enorme interese para os participantes. Do mesmo xeito, a ruta urbana do luns á tarde tamén rexistrou números inusuais para esta época do ano en canto a participación, e é que cómpre destacar que o Concello de Bueu é un dos poucos da súa contorna que ofrece visitas guiadas e interpretativas gratuítas, sen coste para os participantes.
Para anotarse nas visitas guiadas e para calquera outra consulta, a Concellería de Turismo pon a disposición dos usuarios o número telefónico 986 324 457 e o correo electrónico: turismo@concellodebueu.org.