Os buenenses xa poden consultar as novas tarifas urbanas de taxi
Por Redacción & Oskar Viéitez
A partir deste martes iníciase o prazo de alegacións por parte de asociacións de consumidores e usuarios ás novas tarifas urbanas de taxi das que o Concello de Bueu deu este luns traslado ao público mediante o anuncio colgado no taboleiro de anuncios e na web municipal.
Así, e para adaptar as tarifas ao Consello Galego de Transportes, adóptase unha percepción mínima (inclúe percorrido de 1.500 metros ou equivalente) de 3,75 euros en horario diúrno e 4,50 euros en tarifa nocturna. No anuncio tamén se especifica o prezo por quilómetro percorrido en 1,05 euros durante o día e 1,26 pola noite, ademais do prezo pola hora de espera en 16,20 en horario diúrno e 19,44 nocturno.
Como suplementos establécense os vultos ou maletas cun custe de 0,60 euros por cada un, excepto as cadeiras de discapacitados ou as de nenos, e o traslado de mascotas cun custe dun euro. Desta última, quedarán exentos os cans guía polos que non se terá que pagar.
A exposición pública deste anuncio constitúe un trámite previo á remisión do expediente á Comisión de Prezos de Galicia dependente da Dirección Xeral de Comercio a efectos de que se emita o oportuno informe para a aprobación definitiva das taxas. Así o Concello aproba estas tarifas somerxido en plena aprobación e debate sobre as alegacións presentadas á ordenanza municipal do servizo de taxis de Bueu, que posiblemente se levará a pleno no mes de setembro.