Ponte Caldelas pon en marcha un plan de roza e limpeza dos seus camiños rurais
Por Redacción
Operarios municipais contratados no último plan de emprego impulsado polo Concello de Ponte Caldelas iniciaron os labores de roza e limpeza dos camiños rurais do municipio. Os traballos comezaron por Baltar e prolóngase por Laxoso, A Insua, Regodobargo, o polígono de A Reigosa, Aluncía e Xustáns para continuar nos vindeiros días por Santa Ana e Vilarchán.
Actuarase por completo en cada un dos 32 lugares do concello e, seguindo as suxestións e indicacións dos diversos colectivos sociais, procédese a unha limpeza completa de todos os camiños veciñais.
Estase a facer a través de brigadas coordinadas para realizar unha roza que permita eliminar gran parte da maleza que afecta aos distintos viais municipais, de uso por parte dos veciños nos seus desprazamentos cotiáns.
A intención do goberno local é reorganizar os efectivos destas brigadas de limpeza co fin de que as zonas do rural estean perfectamente atendidas e o seu radio de acción se amplíe o máis posible xa que, segundo os representantes dos veciños, "antes só se limpaba a correr para o día da festa e xa non volvíamos a ver a ningún operario de limpeza do Concello ata o ano que ven cando na vila estaban continuamente todos os días".
Para atender esta demanda, o equipo de goberno e o novo encargado das brigadas municipais de limpeza deseñaron un amplo operativo de limpeza que redistribuíu os efectivos e prioriza a atención dos 32 lugares do concello, con incidencia especial nos camiños de titularidade municipal no ámbito rural, sen esquecer "como é natural" os traballos de mantemento e limpeza no centro da vila, sinalaron desde o equipo de goberno local.
Relacionadas:
-
A Insua estrea quitamedos... e agora pide lombos
Por Redacción |
-
Baltar celebra cun domingo soleado as festas na honra a Cristo Rei
Por Redacción |
-
Máis de 200.000 euros para completar o pavimentado de varios viais do rural de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas incorpora 24 operarios para limpeza e reparación de insfraestruturas
Por Redacción |