Baltar celebra cun domingo soleado as festas na honra a Cristo Rei
Por Redacción
O bo tempo permitiu aos veciños de Baltar poder gozar do día grande das súas festas na honra de Cristo Rei. Foi cunha misa solemne e unha procesión que tivo como escenario a capela do santuario e a área recreativa que a rodea.
Nesta ocasión asistiu o alcalde, Andrés Díaz, o tenente de alcalde Alfonso Gutiérrez e o concelleiro José Manuel Martínez, membros do equipo de goberno que residen en Baltar e A Reigosa e que foron saudados polos veciños, que aproveitaron para trasladarlles diversas consultas e peticións.
A afluencia de público foi moi numerosa e a presenza dun día soleado e caloroso fixo que os asistentes andaran á procura de sombra ofrecida por unha enorme carpa alí instalada pola comisión de festas.
A xornada iniciouse a primeira hora da mañá co lanzamento dunha salva de bombas de palenque anunciando o día de Cristo Rei. A continuación tivo lugar un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Campo Lameiro para dar paso a diversos actos litúrxicos que tiveron, á unha e cuarto do mediodía, á misa solemne, seguida de procesión e tirada de fogos de artificio como momento máis emotivo da celebración.
Pola tarde, a comisión de festas puxo a disposición dos máis pequenos da casa colchóns e inchables gratuítos para que puideran brincar e divertirse e, a partir das seis da tarde horas, tivo lugar a concentración de vehículos clásicos. E para o final, unha verbena coa actuación dun grupo musical.
Estas festas tradicionais de Baltar contaron coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas, a través do seu Plan Cultural, e a Deputación Provincial de Pontevedra.