O Concello comeza a planificar a Festa do Polbo e a ruta das tapas en colaboración cos hostaleiros
Por Redacción
Este xoves tivo lugar unha reunión cos empresarios dos establecementos hostaleiros da vila de Bueu. Nela estiveron Andrés Lamosa, ex concelleiro de cultura, Silvia Carballo, concelleira de Economía e Turismo, Sonia Cabodevila, encargada do departamento Desenvolvemento Local, e Laura Nieto, xerente do GAC Ría de Pontevedra.
Dende o goberno local convidaron aos hostaleiros a participar nos principais eventos turísticos e gastronómicos que se van organizar nos vindeiros meses.
O debate abriuse coa Festa do Polbo e a posibilidade de que se aumenten a catro os días de celebración. O Concello explicou aos asistentes as posibilidades, e nos vindeiros días agarda ter unha resposta dos interesados.
Outro tema que estaba pendente era a Ruta de Tapas 2015, na que os hostaleiros mostraron interese por seguir realizando unha edición coincidindo nos días de xoves a venres co Festival Internacional de Curtametraxes FIC Bueu que se celebra entre o 7 e o 12 de setembro. A idea é vincular este festival cinematográfico coas tapas de produtos do mar, coma o ano pasado.
Para falar máis polo miúdo destes dous temas, a concelleira Silvia Carballo convocará sendas reunións. O martes 30 de xuño ás 10 será a ocasión para falar da Festa do Polbo, e os hostaleiros participantes deberán decidir se o 13 de agosto se inclúe ou non na festa, ademais dunha data para a realización do pregón, xa que os días fixos deste evento serían 14, 15 e 16 de agosto. Por outra banda, nunhas tres semanas convocarase outra reunión para falar da ruta de tapas.