A ludoteca de Ponte Caldelas ampliará o horario para conciliar a vida laboral e familiar
Por Redacción
O novo equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas ten previsto que a Ludoteca Municipal funcione na práctica como un campamento urbano onde as actividades e a socialización sexan os instrumentos que favorezan un maior e mellor desenvolvemento persoal e individual dos menores que asisten a esta iniciativa. Por este motivo, dende o goberno local quérese favorecer a compatibilidade entre a vida laboral e familiar e por iso vai ampliarse o horario de verán para que quede establecido do 1 de xullo ao 21 de agosto, de 9.30 a 14.00 horas pola mañá e de 16.30 a 20.00 horas, durante a tarde.
A Ludoteca dispón dun total de 80 prazas que só quedan 25 dispoñibles en horario de tarde. Para poder facer efectiva a inscrición, os interesados deberán dirixirse ás oficinas do centro antes do 1 de xullo, data na que finaliza o prazo para anotar aos nenos nas actividades. O prezo é de 60 euros para toda a tempada e de 40 por só un mes.
Está previsto que se amplíe a aprendizaxe da lingua inglesa. A Ludoteca está especialmente dirixida a menores con idades comprendidas entre 3 e 11 anos e desenvólvense diferentes actividades de ocio e aprendizaxe con rutas de sendeirismo, obradoiros de música e de cociña ou xogos de exterior.
O alcalde, Andrés Díez, acompañado por membros do equipo de goberno visitaron esta xornadas as instalacións e saltaron os rescoldos dunha pequena cacharela dentro da festividade de San Xoán, ademais de participar na merenda organizada polas monitoras.